A iniciativa popular fai en numerosas ocasións de contrapeso ás carencias institucionais. A falta de visibilidade de moitos proxectos interesantes e imprescindibles provoca que non acaden a transcendencia que merecen, mentres que outros absolutamente irrelevantes ocupan o primeiro plano. En Moraña andan no ambicioso proxecto de recuperar e alumear a Historia, xuntando documentos e creando espazos de difusión fronte a néboas interesadas.
Xosé Casal é unha das persoas que máis sabe da Historia de Moraña e da comarca. Mantivemos con el unha agradable conversa na que nos explicou, cunha pedagoxía exemplar, aqueles trazos máis salientables de cada unha das épocas nas que nos fomos parando. Da Prehistoria á Ditadura, pasando polo menhir, a época romana, Reino de Galiza, a francesada do XIX, a revolución galega de 1846, a constitución dos concellos da comarca do Umia, a imposición das deputacións como organismos caciquís, as sociedades agrarias, a II república española, a ditadura…
De seguro que vos habedes sorprender con cousas que non sabiades. Historias da Historia!