Onte mércores, por segunda vez, o Concello de Moraña celebrou un pleno extraordinario a unha hora pouco habitual (15:30), con convocatoria de última hora e buscando evitar a presenza veciñal (segundo nos contan, non acudiu toda a Corporación). Despois do acontecido hai poucas semanas, e de que tamén en Caldas se ofrecera unha demostración democrática moi parecida, semella estarse espallando un costume moi pouco recomendable. O Pleno de onte tivo unha duración de… un minuto, e resolveu un único punto.
Sexa cal sexa a duración e o contido, hai que lamentar que os representantes públicos actúen dun xeito tan opaco. De seguro que haberá razóns administrativas que poidan argumentar, baseándose en prazos, urxencias, etc. Con todo, ningún motivo estará por enriba da obriga ética da transparencia e do exercicio da democracia. Actuar con medo e de costas á presenza veciñal, ás cámaras ou ás protestas deslexitima calquera goberno municipal e non pode ser considerado democrático.